Sunday 12 de May de 2024

O Concello licita os servizos de conserxería e limpeza de 8 instalacións deportivas


A alta demanda de uso que presentan as instalacións deportivas de Oleiros implica unha substancial ampliación dos horarios, algo que ten xa en conta o futuro contrato para o servizo de conserxería e limpeza destes equipamentos, que inicia o proceso de licitación estes días. Trátase dun contrato por importe de 861.000 euros de 2 anos de duración, coa posibilidade de ser prorrogado por outros tantos.

A conserxería consiste basicamente no control xeral de uso das instalacións e realizar a súa apertura e peche. O contrato inclúe que a empresa adxudicataria debe realizar pequenas operacións de mantemento como por exemplo a reposición dos elementos luminosos que non sexan os focos dos terreos de xogo, as reposición de redes de xogo ou mesmo o peiteado do céspede no caso dos campos de fútbol.

En canto ao servizo de limpeza, este debe realizarse con maquinaria industrial para garantir rapidez e eficacia, instrumentos que debe achegar a empresa adxudicataria, así como os produtos de limpeza e hixiene que precisen estes espazos públicos para seren utilizados nas mellores condicións.

O proceso de licitación fai referencia explícita aos cinco pavillóns municipais: Bastiagueiro, A Rabadeira (Oleiros), Valle Inclán (Perillo), José Antonio García Nieto (Canide) e Arsenio Iglesias (Sta. Cruz), a Escola municipal de surf da praia de Bastiagueiro e os campos de fútbol A Marola e Nano García.